Mirian Opazo (Xinzo de Limia, 1998) é a artífice da imaxe gráfica da 20 MICE e da peza curta que produce o festival, co filme O carro e o home como eixo temático.
Xaquín Lorenzo remata o seu marabilloso filme falando da morte do carro, de como “queda en agarda de que o tempo o vaia desfacendo pouco a pouco deica desaparecer”.
O carro, símbolo fundamental da identidade e da cultura labrega de Galiza, amosa hoxe as marcas do pasado, flashes da memoria dun outro tempo que aínda garda, desdebuxadas, nas rodas, no eixo, no chedeiro…
Pervive na madeira gastada un xeito de ser, de sentir e de habitar o mundo en comunidade.

artista visual e cineasta
Graduada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca (USAL) e Máster en Creación e Prácticas Artísticas na mesma universidade.
O seu traballo segue una liña consistente na exploración e investigación artística, a través principalmente do medio audiovisual, de cuestións como a identidade e a memoria, sempre dalgún xeito vencelladas ao rural.
No ano 2022, coa peza previamente presentada na sección Paraíso da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, Retratos do Silencio (2021), acada o segundo premio no certame Xuventude Crea da Xunta de Galicia.
No 2023, con Ningún Deus (2022), fai parte da sección oficial de non ficción do XX Festival de Cans, acadando unha mención especial do xurado. Neste mesmo ano, tamén con este último filme, participa na sección Galicia do Festival Internacional de Cine de A Coruña Intersección 2023, así coma na sección Panorama Audiovisual Galego da 37ª edición do Cineuropa en Santiago de Compostela. Esta peza é proxectada tamén no FIC Vía XIV de Verín 2024 e na 46ª edición da Semana do Cine de Lugo.
En setembro do 2023 participa na 8ª Chanfainalab, residencia artística de amplo recoñecemento en Galicia, na que produce Aínda hoxe as horas (2024), peza coa que resulta seleccionada novamente na sección oficial de non-ficción do XXI Festival de Cans e no Panorama Audiovisual Galego na 38ª edición do Cineuropa.
Na actualidade, desenvolve unha tese doutoral en Historia do Cinema na Universidade de Salamanca, na que investiga arredor da autorreferencialidade e a primeira persoa no cinema de non-ficción feito en Galicia.