Filmes con subtitulado SpX

Nesta 19ª edición da MICE os filmes que poderán verse con subtitulado específico para persoas xordas son os seguintes:

SALVAXE, SALVAXE

SECCIÓN LINDES

XOVES 13, 20:30H. TEATRO PRINCIPAL

Emilio Fonseca

2024 Galicia

86 min. VOSG/SpX

“Cheiras iso?” A cámara adéntrase nos montes da Galiza e o norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos. SALVAXE, SALVAXE rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados

Tráiler de SALVAXE, SALVAXE (2024)

RESONANCIAS

SECCIÓN GALICIA

VENRES 14, 20:30H. TEATRO PRINCIPAL

Diana Gonçalves

Galicia, 2024

14 min. VO/SpX

[Estrea]

Como facer para que un lugar non che resulte estraño nin indiferente? A directora achégase a San Sadurniño buscando elementos familiares para superar a súa sensación de estrañamento, un fío do que tirar. O filme convértese nunha exploración do universo compartido e descoñecido da Lusofonía nunha aldea allea realizada por unha cineasta da fronteira separada en ese momento 220 km da súa patria da infancia.

AURORA

SECCIÓN GALICIA

VENRES 14, 21:30H. TEATRO PRINCIPAL

Area Erina

Galicia, 2024

64 min. VO/SpX

Rodado ao longo de máis de dez anos, o documental Aurora comeza como un retrato da vida dunha veciña no campo galego. Aurora e Area, mulleres achegadas de mundos totalmente diferentes e cunha gran diferencia de idade entre elas, traban una forte relación de intimidade, confianza e conversacións profundas ligadas á morte, a familia, a guerra e as mulleres.

Tráiler – Aurora

MEMORIA DE SOUTELO

SECCIÓN GALICIA

SÁBADO 15,  20:30H. TEATRO PRINCIPAL

Xoán Bregua

Galicia, 2024

16 min. VO/SpX

Candela volve a Soutelo de Montes para afondar no retrato fotográfico da vila feito por Virxilio Viéitez a medidados do século XX. Mergullada nas súas fotografías, descobre as historias persoais de tres veciños que dan vida a un retrato íntimo, rescatando a memoria colectiva nunha viaxe polo paso do tempo e as transformacións dunha comunidade rural.

CORRE O VENTO

SECCIÓN GALICIA

SÁBADO 15,  20:30H. TEATRO PRINCIPAL

Paula Fuentes, Guillermo Cabrera

Galicia, 2024

30 min. VO/SpX

Nas montañas de Galicia agóchase Vilar do Courel, unha pequena aldea que leva décadas resistíndose á desaparición. Os tres derradeiros habitantes do lugar son os gardiáns dun espazo atemporal, que transita o seu pasado e mira cara ao futuro desde un presente inmóbil e fráxil. Coa chegada de Branca desde Barcelona, a realidade comeza transformarse. POlas noites, lembranzas, soños do pasado e antigas lendas guían aos personaxes a través de fragas máxicas e camiños esquecidos. 

Tráiler – Corre o vento