Sección oficial en liña

[Os filmes estarán dispoñibles na canle de Vimeo do Museo do Pobo Galego 48 horas]

11,565 KILOMETRES PROJECT

MARTES 25

[ESTREA EN ESPAÑA]

[PROXECTO 11,565 QUILÓMETROS]
2019 | 31′ | EUA
Dirección e guión: Beicheng Zhang


O filme segue o camiño dun artefacto chinés desde a provincia de Shandong (China) ao Museo Universitario de Pensilvania de Arqueoloxía e Antropoloxía (UPenn, Estados Unidos): o fragmento de cadaleito (obxecto#: 40-35- 4). Durante as súas investigacións, Zhang filmou un documental poético que resalta as cuestións relacionadas coa circulación de artefactos, a complexidade da historia colonial e a realidade material de documentos históricos.

Detalle: Este filme pasou polo Tribeca’s Contemporary Art Fair.

AU PRINTEMPS TU VERRAS

MARTES 25

[ESTREA EN ESPAÑA]

[NA PRIMAVERA VERÁS]
2018 | 62′ | Francia
Dirección e guión: Nicolas Gerifaud



“Filmo á miña familia. É o final da infancia, o final da adolescencia, son adulto. É o final dun tempo, o final da vida de familia. Hoxe estamos contentos de atoparnos, de pasar o tempo xuntos, con todo, levo un secreto: teño unha relación cun rapaz desde hai cinco anos. Pode que sexa a hora de anunciárllelo?

Detalle: Au printemps tu verras é un autorretrato fílmico e persoal do director, que se achega case ao cinema doméstico.

ELOHIM ROTSE BAYIT

MARTES 25

[ESTREA EN ESPAÑA]

[DEUS MERECE UNHA CASA]
2018 | 52’ | Israel
Dirección: Irit Shamgar


As irmás Aharonov, catro nais xudías con formación, decídense a traer a salvación ao mundo reconstruíndo o Templo de Xerusalén. O retrato de determinadas posturas en Israel protagoniza unha fita polémica que convida á reflexión sobre os integrismos relixiosos e as mulleres.

Ver en Canle de Dailymotion.

Enquisa de votación do premio do público.

HOW ABOUT HAVING A FASCINATION OF MIND?

MÉRCORES 26

[ESTREA EN GALICIA]

[QUE TAL TER UNHA FASCINACIÓN MENTAL?]
2018 | 68’ | Alemaña-Corea do Sur
Dirección: Katti Jisuk Seo e Finnja Willner

En Corea do Sur parecen estar obsesionados coa caca, as tendas de DVD ofrecen refuxios misteriosos e a xente soña con ter unha cara pequena. Esas son as primeiras impresións de Katti, unha cineasta alemá que regresa, xunto coa súa compañeira Finnja, ao país de orixe da súa nai. Nesta viaxe emerxe o desexo de coñecer mellor Corea do Sur e de atopar o seu novo fogar nas terras dos seus antepasados.

Detalle: Filme gañador da terceira edición do Etnovideográfica (2019), festival promovido polo Museo Etnográfico de Castilla y León.

KHATEMEH

MÉRCORES 26

[ESTREA EN ESPAÑA]

2019 | 89’ | Irán
Dirección: Mehdi Zarei, Hadi Zarei

Khatemeh, unha rapaza afgá de 14 anos que vive en Irán coa súa familia, foi forzada a casar co viúvo da súa defunta irmá, a cal se suicidou. Despois dun tempo, fuxe da casa polo maltrato ao que a someten o seu irmán e o seu marido; nese momento convértese nunha refuxiada da organización gobernamental de servizos sociais de Shiraz.

QUARTIER NOMADE

MÉRCORES 26

[ESTREA EN ESPAÑA]

[BARRIO NÓMADE]
2018 | 105’ | Bélxica
Dirección: Alexandra Rice

Cada ano, dende Flandes ata Valonia, unha feira atravesa Bélxica durante unha xira anual que se leva facendo séculos. Este ‘barrio nómade’ de feirantes, que ocupa o espazo público temporalmente durante as celebracións diferentes que mudan segundo as estacións e os ciclos anuais, está ben establecido na modernidade. Este filme cuestiona a tradición inconsciente que os atravesa, é un espello da súa cultura, da súa comunidade. Quartier nomade é unha película inmersiva que retrata a unha comunidade ameazada e en perigo ante as regulacións da cidade e o descrédito da cultura popular.

UNE NOUVELLE ÈRE

MÉRCORES 26

[ESTREA EN ESPAÑA]

[UNHA NOVA ERA]
2019 | 71′ | Francia
Dirección e fotografía: Boris Svartzman

En 2008, as autoridades locais desafiuzaron 2.000 veciños de Guanzhou, unha illa de río ao sur de China, para facer sitio para novos proxectos de ordenación urbanística. A pesar da demolición das súas casas e a presión policial, uns cantos habitantes regresan á illa. Durante sete anos, Boris filmou a súa batalla na súa terra ancestral, desde as ruínas da aldea onde a natureza se reafirma aos poucos ata as obras, da mega cidade que inexorablemente avanza cara eles.

RESEARCH / SOUVENIR (DIALOGUES)

XOVES 27

[ESTREA EN ESPAÑA]

[INVESTIGACIÓN / LEMBRANZA (DIÁLOGOS)]
2018 | 19’ | Suráfrica-Cimbabue
Dirección e guión: Roger Horn

O filme utiliza metraxe atopado de Rodesia (Zimbabwe) e audios dunha investigación etnográfica sobre mulleres emigrantes cimbabuesas en Cidade do Cabo. A parte 1, “Research”, revela os pensamentos persoais e os desafíos afrontados polo cineasta no traballo de campo. A parte 2, “Souvenir (Dialogues)”, volve sobre as participantes nas investigacións proporcionando un contexto político e económico ao éxodo actual de cimbabueses que levou á caída do presidente Robert Mugabe en novembro de 2017.

TSEZON SOZVERANIJA PANTOV

XOVES 27

[ESTREA EN ESPAÑA]

[A TEMPADA DO VELUDO]

[The season when velvet antlers get ripe ]
2018 | 63’ | Rusia
Dirección e guión: Galina Leontieva

O proceso completo de “recolección” do veludo de asta é documentado de maneira espida, intercalado coas charlas dos traballadores, as pausas para o cigarro e panorámicas das verdes paisaxes de montaña da rexión rusa de Altai.

Detalle: Esta película pasou, entre outros, polo Festival de Cine Documental de Amsterdam (IDFA) en 2019.

TERRA

XOVES 27

[ESTREA EN ESPAÑA]

[TERRA]
2018 | 60’ | Portugal
Dirección e produción: Hiroatsu Suzuki, Rossana Torres

Nagún lugar do Alentejo, hai dous grandes fornos de terra cubertos onde uns homes fan carbón vexetal. Os elementos esenciais de lume, auga, ar e  terra e o espazo reflicten, respiran e celebran o ritmo da Terra.

Detalle: No ano 2018 este documental levou o Premio DocLisboa ao Mellor Filme da competición portuguesa.

TRILOGIA “PROCESSI”: EPISODI 1 (PROCESSI) E 2 (PERTURBAZIONE LUCIFERO)

XOVES 27

[ESTREA EN ESPAÑA]

[TRILOXÍA “PROCESOS”)
EPISODIOS 1 (PROCESOS E 2 (PERTURBACIÓN DE LUCIFER)]
2016-2019 | 22’-18’ | Italia-Francia
Dirección e guión: Adriana Ferrarese

Estas dúas pezas de Adriana Ferrarese documentan a fe de dous espazos así como os seus modos de celebración: por un lado, a Semana Santa en Corigliano Calabro, e por outro, a celebración da procesión marítima da Madonna della Neve, tamén na zona de Calabria, no sur de Italia. Nelas, as vidas diarias dos habitantes mestúranse co acto relixioso seguido coa máxima devoción.